Cando alguén pregunta canto custa unha web, case sempre pensa no prezo de facela. Pero ese é só o primeiro pagamento. Unha web custa diñeiro cada ano que segue en marcha, e esa parte case nunca aparece no orzamento.
Aquí comparo o que custa manter durante cinco anos unha web pequena de negocio, das que teñen unha portada, unha páxina de servizos, fotos e un contacto. Primeiro feita con WordPress, que é o máis habitual. Despois como web estática, que é como traballo eu.
Dúas maneiras de servir unha páxina
Imaxina a carta dun restaurante.
WordPress é un cociñeiro que escribe a carta a man cada vez que entra un cliente. Consulta a base de datos, escolle o modelo, xunta as pezas e entrégacha. Funciona, pero precisa un servidor que estea sempre traballando, e ese servidor hai que pagalo e mantelo.
Unha web estática é a carta xa impresa. As páxinas prepáranse unha vez e o servidor só ten que entregalas. Non hai base de datos nin nada que montar en cada visita.
Para un negocio que non vende en liña, as dúas webs vense igual. A diferenza está no que pagas por detrás.
O que pagas con WordPress
O aloxamento. WordPress precisa un servidor con PHP e base de datos. En España, un hosting compartido anúnciase a 1–3 € ao mes, pero ese é o prezo do primeiro ano. Ao renovar sobe a 5–16 € ao mes, segundo a empresa. Hai provedores que manteñen o mesmo prezo, e convén escollelos, pero moitos non o fan.
O modelo e os plugins de pagamento. Moitas webs de WordPress constrúense cun maquetador visual como Elementor Pro, que custa uns 60 $ ao ano. A iso súmanse ás veces plugins de pagamento para copias de seguridade, caché ou formularios, cada un coa súa propia cota anual. Se deixas de pagalos, deixan de actualizarse.
As actualizacións. WordPress, o modelo e cada plugin publican actualizacións varias veces ao mes. Moitas son de seguridade. Unha web que non se actualiza acaba atacada, e limpala custa máis ca tela mantido. Ou o fas ti, ou págaslle a alguén: o mantemento dunha web pequena en España custa entre 50 e 150 € ao mes.
O que pagas cunha web estática
O dominio, igual ca con WordPress: entre 10 e 20 € ao ano por un .es, e algo máis por dominios como .gal.
O aloxamento, que adoita ser de balde. Servizos como Cloudflare Pages ou Netlify aloxan webs estáticas pequenas sen custo, porque só teñen que entregar arquivos.
As actualizacións, que non fan falta para que a web siga sendo segura. Non hai base de datos que atacar, nin páxina de acceso, nin plugins que queden vellos. Só pagas polos cambios que ti queiras facer.
Cinco anos, en números
Estas cifras son orientativas, sen IVE, para unha web pequena sen tenda.
| En cinco anos | WordPress | Web estática |
|---|---|---|
| Aloxamento | 300–800 € | 0 € |
| Dominio | 50–75 € | 50–75 € |
| Maquetador de pagamento | 250–300 € | 0 € |
| Actualizacións, se as pagas | 3000–9000 € | 0 € |
A última fila é a que máis pesa. Moita xente non a paga porque actualiza a web pola súa conta, ou porque non a actualiza nunca. O primeiro custa tempo. O segundo, cedo ou tarde, custa un susto.
Tres webs reais
Estas son tres webs que fixen eu. As tres son estáticas e están aloxadas no plan gratuíto de Netlify. Isto é o que custan ao ano:
| Web | Dominio ao ano | Aloxamento | Actualizacións |
|---|---|---|---|
| rizoma.gal | 38,49 € | 0 € | 0 € |
| learnverba.app | 20,21 € (22,99 $) | 0 € | 0 € |
| linguastecidas.es | 17,57 € (19,99 $) | 0 € | 0 € |
O dominio é o único gasto fixo, e depende da terminación: un .gal custa máis do dobre ca un .es. Aínda así, a máis cara das tres, rizoma.gal, suma 192,45 € en cinco anos. Con WordPress, só o aloxamento deses cinco anos custaría máis.
Onde está a trampa?
Unha web estática non serve para todo. Se vendes en liña, se tes unha zona de socios ou se publican a diario varias persoas, WordPress ou outra ferramenta parecida segue sendo a opción correcta. Explícoo noutro artigo.
A outra dúbida habitual é se poderás cambiar ti mesmo o horario ou os prezos. Si: unha web estática pode ter un editor sinxelo, sen tocar código. Cóntoche como funciona.
Que podes facer hoxe
Busca a última factura do teu hosting e mira o prezo de renovación, non o da oferta. Súmalle o que pagas por plugins e por mantemento. Multiplica por cinco.
Se o resultado te sorprende, non é culpa túa. Case ninguén o calcula. E se queres que revise contigo o que pagas pola túa web, escríbeme.