E se quero cambiar o horario eu mesmo?

É a pregunta que máis me fan cando explico que é unha web estática. Se as páxinas xa están feitas, quen as cambia cando chega o horario de inverno?

A resposta curta é que ti, se queres. A longa está aquí, xunto con algo que case ninguén che conta: cando unha web estática non é a mellor opción.

Como se edita

Unha web estática pode ter un panel de edición, igual ca WordPress. A diferenza está no que pasa despois de gardar.

  1. Entras no panel desde o navegador.
  2. Cambias o que precises: o horario, un prezo, unha foto ou o texto dunha páxina.
  3. Premes «Gardar».
  4. Nun ou dous minutos, a web xérase de novo soa e o cambio xa está publicado.

Non hai que tocar código nin saber nada de servidores. Ademais, o panel só amosa o que ten sentido cambiar na túa web. Se tes unha carta, ves a carta. Se tes horarios, ves os horarios.

A web de Linguas Tecidas funciona así: o grupo engade as próximas sesións desde o seu propio panel, sen tocar unha liña de código.

Ou non o edites

Moita xente prefire non aprender outro panel. Nese caso, mándasme unha mensaxe co cambio («o domingo abrimos de 10 a 14») e fágoo eu. Un cambio é unha frase, non un proxecto.

Cando WordPress segue sendo mellor

Unha web estática é a ferramenta axeitada para a maioría dos negocios pequenos que non venden en liña. Pero non para todos. WordPress, ou outra ferramenta parecida, ten máis sentido se:

  • Vendes en liña, con catálogo, carro e pagamentos. Aí precisas unha tenda de verdade, como WooCommerce ou Shopify.
  • Tes unha zona de socios, con usuarios que inician sesión e ven contido distinto.
  • Publican a diario varias persoas, con permisos distintos e alguén que revisa antes de publicar.
  • A túa web é unha comunidade, con comentarios, foros ou perfís.

O que non precisa WordPress é un sistema de reservas. A maioría dos motores de reservas para aloxamentos e restaurantes pódense inserir en calquera web, tamén nunha estática.

A idea detrás desta serie

Nestes artigos falei do que custa unha web a cinco anos, de por que a velocidade trae clientes e de por que unha web estática ten tan pouco que atacar. Os catro din o mesmo: para un negocio que non vende en liña, o sinxelo adoita ser o máis útil e o máis barato.

Se dubidas sobre que che convén a ti, escríbeme. Direiche o que faría eu, aínda que sexa «quédate co que tes».

Segue lendo

Volver ao blog

Falamos?

Cóntame que necesitas. Respondo nun ou dous días laborables.