Pensa na última vez que buscaches un restaurante desde o móbil. Tocaches un resultado, a páxina quedou en branco e volviches atrás para tocar o seguinte. Non o pensaches dúas veces.
Os teus clientes fan o mesmo coa túa web.
Tres segundos
En 2016, Google mediu canto esperan os usuarios no móbil. Máis da metade das visitas, un 53 %, íanse se a páxina tardaba máis de tres segundos en cargar. O estudo ten anos, pero a nosa paciencia non medrou desde entón.
Na Ribeira Sacra hai un detalle máis: a cobertura vai e vén. Quen busca onde comer desde unha estrada do canón do Sil non ten fibra. Ten unha raia de 4G, e cada quilo que pesa a túa web nótase.
Google tamén o mide
A velocidade non só espanta as persoas. Google mide como cargan as páxinas e teno en conta ao ordenar os resultados. Entre dúas webs parecidas, a rápida ten vantaxe.
A medida máis importante é canto tarda en aparecer o principal da páxina: a foto grande ou o primeiro bloque de texto. Google considera bo que apareza en menos de 2,5 segundos.
Mide a túa web en dous minutos
- Entra en pagespeed.web.dev.
- Escribe o enderezo da túa web e preme «Analizar».
- Mira a lapela «Móbil», non a de ordenador. É a que importa.
- Fíxate no número de «Rendemento». De 90 a 100 sae en verde, de 50 a 89 en laranxa e por debaixo de 50 en vermello.
Repite a proba dúas ou tres veces, porque o resultado cambia un pouco cada vez.
Para comparar: as webs que fixen sacan entre 99 e 100 de rendemento no móbil. Podes comprobalo ti mesmo con rizoma.gal.
Por que tantas webs son lentas
- O servidor monta cada páxina. Con WordPress, cada visita obriga o servidor a consultar a base de datos e xuntar as pezas. Expliqueino en o que custa de verdade unha web.
- Os maquetadores visuais cargan de máis. Traen código para todo o que poderían facer, non só para o que usas.
- As fotos son enormes. Unha foto do móbil sen reducir pode pesar máis ca o resto da web xunta.
- Cada plugin engade o seu propio código, aínda que só o uses nunha páxina.
- O hosting compartido barato é compartido de verdade. A túa web reparte servidor con centos de webs máis.
- A tipografía vén doutro sitio. Moitas webs cargan as súas fontes desde Google Fonts, e o navegador ten que conectarse a outro servidor antes de poder debuxar o texto.
Pasoume cunha das miñas propias webs, linguastecidas.es. Sacaba 90 no móbil, e o principal tardaba 2,9 segundos en aparecer. A causa era unha soa fonte que chegaba desde Google Fonts. Subína á propia web e a nota pasou a 100, co principal en pantalla en 1,4 segundos. Non cambiei nada máis da páxina.
Que podes facer
Se a túa web sae en laranxa ou en vermello, hai arranxos que non obrigan a refacela: reducir as fotos, quitar os plugins que non usas, servir as fontes desde a túa propia web e activar unha caché.
Se segue en vermello despois de todo iso, o problema adoita estar na base. Aí unha web estática cámbiao de raíz: as páxinas xa están feitas, pesan pouco e sérvense desde un servidor preto de quen as visita.
Se queres, fai a proba e escríbeme co resultado. Dígoche que é o que frea a túa web.